Friday 03 de May de 2024

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña formarán a 75 profesionais na implantación de plans de continxencia fronte á Covid-19


Antonio Leira e Cristina García inauguraron hoxe no Pazo de Mariñán o primeiro dos 3 cursos formativos dirixidos a profesionais da hostalería, aloxamentos e persoal dos concellos polo que discorre a ruta xacobea

A xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García, e o deputado provincial responsable de Economía, Facenda e Réxime Interior, Antonio Leira, inauguraron no Pazo de Mariñán (Bergondo) o primeiro dos tres cursos de formación para coñecer e poder implantar os plans de continxencia fronte á pandemia da Covid-19. Uns cursos que formarán a un total de 75 profesionais da hostalería, aloxamentos e albergues desta ruta xacobea, así como para o persoal con competencias no Camiño ou en Turismo nos 16 municipios adheridos á Asociación.
Antonio Leira destacou a importancia da formación “para garantir que todos os establecementos do sector turístico e hostaleiro do Camiño Inglés conten coas máximas garantías sanitarias”, o que pernitirá que no futuro siga atraendo visitantes e axudando a dinamizar a economía dos municipios polos que pasa.
Pola súa banda, Cristina García agradeceu a colaboración da Deputación Provincial da Coruña na que é a primeira acción formativa que se organiza dende a Asociación de Concellos do Camiño Inglés. “Pensamos que sería moi interesante impartir formación para que os nosos asociados poidan coñecer e implantar estes plans de continxencia fronte á pandemia e que a xente sexa consciente de que o Camiño Inglés é un Camiño totalmente seguro”, sinala a xerente da Asociación.
Aplicación dos protocolos
O primeiro dos cursos “Covid-19: Camiño Inglés, Camiño seguro” reuniu en Mariñán a 25 profesionais da hostalería, aloxamentos e albergues do Camiño Inglés, que recibiron catro horas de formación presencial impartida por Damián Cuadrado Rodríguez, biólogo colexiado e técnico superior en prevención de riscos laborais da empresa Intectoma SL.
O docente explicou aos presentes as medidas xenéricas de seguridade a tomar por calquera establecemento tales coma o distanciamento, a limpeza e desinfección das instalacións, o uso de equipos de protección individual ou a utilización de medidores de CO 2 e filtros HEPA. Así mesmo, durante o curso afondarase na aplicación dos protocolos específicos e plans de continxencia elaborados especificamente para albergues, hoteis, pensións, guías turísticos e oficinas de turismo.

Os outros dous cursos terán lugar o luns 14 e o martes 15 de decembro, en horario de 16:00 a 20:00 horas, no Pazo de Mariñán e reunirán cada un a 25 persoas profesionais da hostalería, aloxamentos e albergues desta ruta xacobea, así como para o persoal con competencias no Camiño ou en Turismo nos 16 municipios adheridos á Asociación de Concellos do Camiño Inglés (A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela).
Aínda quedan algunhas prazas libres, polo que as persoas interesadas en participar poden anotarse a través do correo electrónico formacion@intectoma.com ou chamando ao teléfono 881 966 033. Deberán achegar os datos persoais, DNI, establecemento ao que pertencen e día no que queren asistir.